Patrocinado con 500 euros, que achega HM Rosaleda, o acto de entrega aprazouse sen data
Alumni outorgou a décimo cuarta edición do Premio Relato Curto a Marcos Dios Almeida (Vigo, 1975), polo seu orixinal titulado Nautas. A peza conta como o desprezo do home pola Terra, nun futuro apocalíptico, deviu nun cambio climático atroz e nunha guerra nuclear. Entre tanto, a humanidade queda reducida a un fato de homes e mulleres cuxa principal motivación no día a día é simplemente sobrevivir. O recoñecemento está dotado con 500 euros do hospital HM Rosaleda, aínda que o acto de entrega houbo de ser aprazado sen data polas razóns pandémicas.
O xurado resaltou a capacidade do autor á hora de presentar unha historia orixinal, de ficción científica e cun léxico rico en lingua galega. “O autor –engade a acta do fallo– retrata a idea dun desastre futuro cun estilo no que ocupa un lugar destacado o emprego de preguntas coas que dá entrada tanto a personaxes de nomes sonoros e singulares coma a elementos clave para avanzar na trama. En suma, foi capaz de narrar unha historia redonda en poucas páxinas, e de crear expectativas de sorpresa no lector a través do que non conta”.
O autor premiado é un debuxante e escritor que reside en Vigo, cun cuarto do seu sangue de orixe portugués e os outros tres restantes saídos das vilas mariñeiras de Bouzas, Ribeira e Muxía, segundo indica. Técnico en Gráfica Publicitaria pola Escola de Arte Antonio Faílde de Ourense, actualmente traballa como ilustrador e deseñador gráfico, actividade coa que tamén logrou diversos premios de cartelismo. No ámbito da literatura acumula unha boa produción de relatos, microrrelatos e novelas curtas, e en menor medida algúns poemas e catro novelas infantís e dúas xuvenís escritas en galego, obra polo que obtivo diversos recoñecementos e galardóns. Este vigués confesa unha “incontestable devoción” por Castelao.
Ao certame concorreron unha trintena de orixinais e o xurado estivo formado por Inma López Silva –escritora e profesora–, Adelaida Rey de la Barrera –farmacéutica e socia de Alumni– e María del Mar Fernández Vázquez –docente e secretaria da Xunta Directiva de Alumni–. O xurado lamentou o “descoido pola escrita en galego” de gran parte dos relatos presentados, se ben ponderou a “orixinalidade e calidade” dos relatos que preseleccionou para debater e decidir o texto gañador.