O día 20 de decembro fíxose entrega do Premio Humanitas un ano máis por parte de Alumni USC en colaboración co Consello Social co obxectivo de destacar as accións solidarias que se organizan en prol do benestar social. Este ano, o recibidor do galardón foi o programa de acompañamento a familias monoparentais Abeiro, que forma parte de Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela.
No acto de entrega, o xurado composto polo reitor da USC, Antonio López, quen o presidiu; pola presidenta do Consello Social, Cecilia Sierra; o presidente de Alumni, Agustín Pena; a vogal do Consello Social, Nuria Pereira; e Inés Toca, por Alumni, exercendo como secretaria; concedeu de forma unánime o premio a este programa pola súa labor social iniciada no ano 2001. O galardón estaba constituído por unha dotación de 2.000 euros, aportada ao 50% polo Consello Social e Alumni. A esta cantidade sumouse a achega do ex reitor e gañador do premio de relato curto Juan Viaño, que decidiu doar o seu premio de 500 euros á Abeiro.
O premio foi recollido polo director de Cáritas Interparroquial de Santiago, Carlos Juiz, e o director do Programa Abeiro, Javier Salgado, de mans do reitor da USC, Antonio López; da presidenta do Consello Social, Cecilia Sierra; e da vogal deste órgano colexiado, Nuria Pereira. Os representantes de Abeiro aproveitaron o acto para “trasladar á sociedade a súa vocación solidaria” e felicitar á organización do certame por ofrecer o seu apoio a iniciativas como a súa que contribúen a dar visibilidade e fomentar o labor social.