O 5 de outubro temos unha cita na Facultade de Ciencias da Comunicación para asistir a EnMente IV o Encontro de Intelixencia Emocional da USC (www.enmenteusc.com)
O sábado 05 de Outubro terá lugar, na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, o IV Encontro de Intelixencia Emocional “ENMENTE 4”, con 6 obradoiros dirixidos a todas as persoas que queiran mellorar as súas competencias emocionais e sociais.
Alumni USC (Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da Universidade de Santiago de Compostela), xunto co Instituto de Ciencias da Educación da USC (ICE-USC), organiza este cuarto encontro de Educación Emocional e Social, dirixido tanto aos seus socios e socias, coma a todo o público en xeral.
Coa celebración deste IV Encontro de Intelixencia Emocional, a USC, a través de Alumni USC, e o Instituto de Ciencias da Educación, pon énfase na importancia que ten a Intelixencia Emocional dende un punto de vista educativo, por contribuír ao desenvolvemento integral dos individuos e ao seu benestar, ademais de ser unha das chaves para potenciar os recursos adquiridos a través da educación formal; unha idea que tamén apoian as entidades colaboradoras con Enmente, como son a Xunta de Galicia, Castrosúa ou o Grupo Intaf.
Esta será a cuarta edición dun encontro que o ano pasado reuniu a máis de 160 persoas, profesionais do eido educativo, pais e nais, alumnado de graos e másteres, psicólogos/as, educadores/as… así como persoas interesadas en incrementar as súas competencias emocionais e sociais para mellorar o seu desenvolvemento persoal e tamén profesional. Esta acción formativa será levada a cabo por profesionais do ámbito da intelixencia emocional, do coaching e o mentoring, a psicoloxía, o PNL, o mindfullnes, a nutrición, persoas expertas en comunicación, xestión de equipos e desenvolvemento persoal e profesional.
Os obxectivos xerais da xornada radican no coñecemento e xestión das emocións, no desenvolvemento de estratexias de regulación emocional, automotivación e liderado, tanto no eido persoal coma no profesional, así como na mellora de habilidades comunicativas e de escoita que permitan comprender as emocións das outras persoas.
Compartindo uns obxectivos comúns, cada un dos obradoiros permitirá adquirir unhas habilidades concretas. Así, os talleres desenvolveranse en 6 sesións dinámicas, para que cada persoa participante poida escoller aquelas 3 temáticas que mellor se adapten ás súas necesidades, ata completar un total de 6 horas de formación.
Cada obradoiro acollerá a un máximo de 40 persoas, entre profesionais dos ámbitos da docencia, a educación, a psicoloxía ou persoas que están a piques de iniciar a súa carreira profesional (recén titulados e tituladas, estudantes de posgrao e de últimos anos de grao), así como calquera persoa interesada na temática do encontro.
O aforo limitado dos obradoiros permite acadar unha metodoloxía dinámica e participativa, centrada na persoa, pero cun enfoque grupal, cooperativo e reflexivo. Utilizaranse exposicións teóricas e explicacións, simulacións, dinámicas e dramatizacións, así como discusións e debates, co obxectivo de tomar conciencia e reflexionar sobre as influenzas socioculturais e o mundo que nos rodea. A través de propostas e situacións que requiran de reflexión, argumentación e interacción, posibilitarase o adestramento en habilidades para a comunicación e a relación interpersoal.