Conferencia “Castelao: pluma, lapis e país”

O pasado martes 4 de febreiro celebrouse no Salón de Actos da Facultade de Filosofía, na Praza de Mazarelos, a conferencia “Castelao: pluma, lapis e país”, onde se puxo en valor o seu papel fundamental como símbolo do galeguismo e da defensa da identidade nacional do pais con motivo do ano Castelao 2025.

Durante o evento, guiado por Valentín García, Secretario Xeral da Lingua, e Carmen Pomar, deputada no Parlamento Galego, analizouse a contribución de Castelao ao galeguismo e a súa definición como nación propia, especialmente a súa participación na redacción e promoción do Estatuto de Galicia durante a Segunda República. Tamén se destacou o seu labor como literario e caricaturista, empregando o humor gráfico como ferramenta de denuncia social e reivindicación ante a opresión e as inxustizas sufridas na Galiza por mor do centralismo estatal. O acto serviu para reflexionar e honrar a vixencia do seu pensamento e a necesidade de continuar avanzando na defensa dos dereitos e da cultura galega.