O sábado 17 de setembro, o Club de sendeirismo de Alumni USC comezou o Camiño Inglés coa 1ª etapa : Ferrol-Neda (15 km) e acadou un recor de camiñantes: Setenta e cinco socios e amigos de Alumni USC camiñaron ata Neda, sen contratempos.
Seguindo o programa da xornada, os camiñantes xantaron na Malata (Feira de Mostras de Ferrol ) e guiados porIsabel (Guías de Ferrol ) fixeron un percorrido marítimo pola Ría, desembarcando no peirao do Castelo de San Felipe para desfrutar dun demorado e fascinante percorrido por todo o Castelo (propiedade do Concello de Ferrol ).
Con todos na lancha Rías Altas I,retornando a Curuxeiras-Ferrol, fíxose unha homenaxe á nosa presidenta de honra Benita Silva Hermo ( finada o 24 de agosto ). O presidente de Alumni USC leu unha emotiva carta redactada -o mesmo día do pasamento – pola socia Julia Melgar .Logo ceibou, na Ría de Ferrol, a credencial peregrina de Benita Silva Hermo…por sempre na nosa memoria!


