1 Os Ríos, omnipresentes. O Camiño de Inverno a Compostela é o único que vai acompañado polos tres grandes ríos galaicos : O maxestuoso Sil, o vello pai Miño, o impoñente Ulla… cuns secundarios de luxo: Lor, Cabe, Toxa, Deza…
2 A Paisaxe única. Nunha beleza chea de contrastes. Desde as louseiras de Valdeorras ata os socalcos da Ribeira Sacra, pasando por soutos, nogueirais, cortiñas, erbedeiros… asombrosos. E, no Saviñao, o Cabo do mundo!
3 Os Romanos. Non só As Médulas –valioso patrimonio da humanidade -, tamén Montefurado –incrible traballo de enxeñería na procura do ouro –, ou a Calzada pola que baixamos, nunha fraga acolledora, ata Belesar.
4 A riqueza etnográfica. Por exemplo: no Camiño de Inverno hai unha abondosa presenza dos Petos de ánimas. Tesouros de pedra en camiños, adros e prazas, que nos sorprenden, asombran, conmoven.
5 Galicia. Toda a terra é nosa. Nunha ollada. No Camiño de Inverno está o único cumio desde o cal ollamos as catro provincias. Mesmo co ceo anubrado. Éxtase!
6 Vilas (A Galicia interior). É outro mundo. Tan acolledor, próximo, xeneroso. Gran pracer chegar a Quiroga, Monforte, Chantada, Rodeiro… e mesmo, impagable. Entrar na Pobra de Brollón, cruzando Rubín –que non ten ponte-!
7 Románico. Exuberante. Desde os mosteiros escondidos na maleza dos outeiros ata ás máis humildes igrexas… San Lourenzo de Fión, san Paio de Diomondi….
8 Xentes. De Ponferrada a Compostela, en cada etapa sempre haberá unha persoa, unha conversa, unha historia: A aceiteira de Bendilló, a taberneira de Penasillás, O piñeiro da Pobra- esa revolta dos Guímaros -!
9 Esforzo. Non hai. Convertemos ás nove etapas oficiais, en trece levadeiras andainas. Só teremos que madrugar nas dúas primeiras etapas. Saímos ás 8 de Compostela. Levamos comida, por se acaso. (Adxuntamos calendario -últimos sábados de cada mes-).
10 Síndrome de Stendhal. Abraiados pola sorpresa da descuberta e o pracer do vivido… Iso será o que nos pase, de volta en Compostela, rematado o Camiño de Inverno.