Mesas e Faladoiros

Faladoiros organizados por Alumni USC para tratar temas que amosen a interrelación e as inquedanzas da Universidade-Alumni USC-sociedade.

Charla-coloquio sobre o Camiño de Inverno e a Ribeira Sacra

Alumni USC celebrou unha tertulia sobre o Camiño de Inverno no Hotel Oca Puerta del Camino moderada por José Manuel Ortigueira. Participaron Antón Rodicio, Daniela Vázquez e Susana García, todos naturais da Ribeira Sacra.

Mesa redonda para estimular o mecenado na investigación

Alumni USC e a Asociación de Empresarios do Tambre promoven unha mesa redonda para estimular o mecenado na investigación (01.07.20)

A Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da Universidade de Santiago de Compostela (Alumni USC) e a Asociación de Empresarios do Tambre promoveu a realización dunha mesa redonda baixo o título de “O mecenado na investigación universitaria” na que participaron os presidentes do Consello Social das Universidades de Santiago e Vigo –Cecilia Sierra e Ernesto Pedrosa–, o vicerreitor de Planificación e Proxección Estratéxica da USC –Gumersindo Feijoo–, a profesora de Dereito Financeiro e Tributario da USC –Luz Ruibal– e o catedrático de Microbioloxía da USC –Jesús L. Romalde–. Moderada polo xornalista Manolo Fraga, a mesa celebrouse o mércores 1 de xullo, ás 19 horas, na sede social do Tambre con aforo limitado pola situación epidémica, pero puido seguirse tamén por Internet a través desta páxina en liña www.alumniusc.gal . Esta actividade faise en colaboración co Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela.

A presidenta de Alumni USC, Benita Silva, subliñou a importancia de establecer canles eficientes de comunicación e transferencia entre universitarios: “Alianzas e cooperación práctica impóñense entre os mundos académico e de alta especialización e os ámbitos económico e empresarial. Organizacións como Alumni deben estar aí, en primeira liña de apoio, creando ferramentas como un portal de emprego que poremos a disposición dos egresados o vindeiro curso, ou actividades de relación como esta mesa. É unha primeira experiencia que desexamos que nos leve a fixar un marco estable de colaboración entre as dúas entidades, Alumni e Tambre”.

Ramón Lois, secretario dos empresarios do Tambre, respaldou a idea de Alumni e amosouse convencido de que os empresarios contribuirán coas súas achegas a desenvolver a investigación na USC, obxecto da mesa redonda. “É esencial que se acerquen e se coñezan mellor as institucións chamadas a liderar a transformación e os cambios no mundo de hoxe. Son alianzas imprescindibles para favorecer o desenvolvemento industrial de Santiago e Galicia”, destacou.

Os relatores, cada un dende a súa área, expuxeron as súas experiencias en relación coa importancia do micromecenado actualmente, así como os seus beneficios fiscais. Deuse a coñecer o programa implementado pola USC, particularmente para captar fondos contra a COVID-19, así como os propios proxectos e programas de investigación en marcha no seo da USC.


Mesa redonda: “Actualidade e perspectivas da Universidade en Lugo”

O 12 de novembro de 2018 organizouse en Lugo esta mesa redonda na que participaron: Carlos Herrero Latorre, exvicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo e profesor na Facultade de Ciencias; Carlota López Pardo, adxunta á Presidencia do Grupo Aresa; Pilar García Porto, deputada da Área de Economía, Recadación, Facenda e Especiais de Contas da Deputación de Lugo; e Lourdes Pardo Rodríguez, secretaria xeral adxunta da Confederación de Empresarios de Lugo.

Mesa redonda: “PROYDE”

O 18 de abril de 2018 organizouse unha mesa redonda para falar da ONG PROYDE, sumándonos así aos actos conmemorativos do 30º aniversario desta ONG. Na mesa participaron: Alfonso Vázquez Ruzo, delegado de PROYDE en Galicia; Amalia Soneira Agulla, delegada de PROYDE en Santiago de Compostela; e Manuel Carreira Sebio, frade santiagués e misioneiro en Guinea Ecuatorial.

Mesa redonda: “A Universidade do século XXI”

O 23 de abril de 2015 organizouse en Santiago de Compostela esta mesa redonda para falar da universidade no momento actual. A mesa estivo composta por Juan A. Díez de Castro, secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia; Senén Barro Ameneiro, exreitor da USC e presidente da RedEmprendia; Mercedes Brea López, catedrática de Filoloxía Románica na USC, candidata a reitora en 2010; e Roberto Almuiña Díaz, director xeral de Cuarzos Industriales.