O pasado martes 10 de decembro celebrouse no salón de actos da Facultade de Filosofía, na Praza de Mazarelos, a entrega do XVIII Premio do Relato Curto.
O acto comezou coa interpretación do tema “Leit It be” de The Beatles polo pianista Luis García Esmorís. Acto seguido, o directivo de Alumni USC, Modesto Gómez, deu a benvida aos asistentes. A secretaria do xurado en funcións, Esther Gamallo, deu lectura á acta oficial do xurado, na que se recollían os criterios que determinaron a elección da obra premiada.
O presidente do xurado, Héctor Cajaraville, tomou a palabra para reflexionar sobre o valor da literatura como medio de conexión e expresión, ademais de felicitar aos participantes pola calidade das súas propostas. A continuación, o propio autor gañador, José María Vez Jeremías, encargouse de ler o relato premiado, “Alalá de Carballo”, cativando aos presentes co estilo xovial da obra.
De seguido, o pianista Luis García Esmorís deleitou ao público coa súa versión do tema “Canon in D Major” de Pachelbel, precedendo a intervención do Dr. Pablo Asensio, director médico de HM Hospitales en Santiago de Compostela, quen reafirmou o compromiso da institución coa promoción cultural en representación de HM Rosaleda.
O evento concluíu cunhas palabras de peche a cargo de Modesto Gómez, quen agradeceu aos asistentes, participantes e colaboradores o seu apoio na celebración deste acto. Finalmente, Luis García Esmorís completou a súa participación cunha interpretación dunha composición propia titulada “Beginning of the End”.