O sábado, 30 de abril, celebráronse as bodas de ouro do Grao de Medicina da promoción 1965-1971.
Pola mañá os asistentes e os seus acompañantes realizaron unha visita guiada ao Pórtico da Catedral. A visita continuou polo pazo de Xelmírez, tamén de estilo románico, e alineada co Pórtico da Catedral. Reconvertido en parte do Museo da Catedral de Santiago de Compostela, foi antigamente pazo episcopal e sede provisional do Parlamento galego.
Xa no salón de actos da facultade, realizouse o acto académico. O organizador, Luis Ríos Tallón recibiu aos compañeiros. No acto interviñeron o decano, D. Julián Álvarez Escudero, os representantes da promoción e membros da Comisión organizadora: Ovidio Vidal Vázquez, Carlos Villarino Díaz-Jiménez e Luis Ríos Tallón, o Profesor D. Manuel Nova (en representación do profesorado da promoción) e Manuel Fraga Carou (en representación da nosa asociación, Alumni USC).
Finalizado o acto, actuou “Troyanos de Compostela”, un grupo musical que recupera as tradicións da xa desaparecida Tuna Universitaria Compostelana (fins do s. XIX – mediados do s. XX). En 2018, gravaron un disco, “Viva Galicia! A música no tempo da Casa de la Troya”, que se repartiu entre os asistentes do acto, xunto cunha foto de grupo e un vídeo conmemorativo tras o cóctel de benvida. A comida tivo lugar nos claustros do hotel-monasterio de San Francisco.
Tanto no vestíbulo da Facultade de Medicina como no “Recanto da Saudade” (situado no Campus Vida) quedaron placas conmemorativas da xornada.